Novas
11-02-2009 O autobús informativo da Rede de Dinamización da Sociedade da Información chega ao final da súa viaxe en Mondoñedo
O autobús percorreu 15 municipios galegos durante 15 días para achegar as Novas Tecnoloxías a todos os recunchos de Galiza
O autobús informativo da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, remata hoxe o seu percorrido pola xeografía galega. Este bus percorreu, ao longo de dúas semanas, as localidades de Sada, Ames, Tomiño, Nigrán, Pontevedra, Sanxenxo, Cuntis, Vilagarcía de Arousa, Ourense, Castrelo de Miño, Burela, Lugo, Ribadeo, Carballedo e Mondoñedo.
O autobús, que permaneceu un día enteiro en cada unha das localidades, estivo equipado con computadores con sistema operativo libre e en galego e conexión a Internet, aos que a xente puido acceder libremente. Nel tamén se impartiu o obradoiro “Alfabetización dixital: Informática e Internet”, proxectáronse vídeos sobre a Rede e repartíronse folletos informativos á poboación. Ademais, cada día, houbo unhas horas nas que a poboación puido utilizar de xeito gratuíto as instalacións do bus para realizar xestións particulares ou navegar por Internet. A finalidade desta iniciativa, ao igual cá de todas as actuacións previstas pola Rede, era seguir achegando as Novas Tecnoloxías e a Sociedade da Información a toda Galiza, obxectivo que se cumpriu sobradamente.

Ao longo destes quince días, os e as visitantes que se achegaron ata o bus foron do máis variado, con perfís tan diversos como os dos usuarios e usuarias que habitualmente acuden aos obradoiros e fan uso das instalacións da Rede. Desde nenos e nenas ata maiores de 65 anos, tanto homes coma mulleres visitaron o bus informativo. Cabe destacar que moita desta xente non tiña coñecementos ningúns de informática e, ademais, tampouco contaban con carné da Rede de Dinamización. Por tanto, cumpliuse o obxectivo deste proxecto: achegar as Novas Tecnoloxías a aqueles e aquelas que aínda non as utilizan e, tamén, dar a coñecer a existencia da Rede aos galegos e galegas que non coñecían a súa existencia.
Para máis información sobre as actividades que se fixeron cada día en concreto ou para outras consultas pódese acudir ao portal web de Rede de Dinamización www.redededinamizacion.eu
Voltar