Novas
20-01-2009 Inauguración dun novo centro da Rede de Dinamización en Sanxenxo
O novo Centro está situado na rúa Luis Rocafor, 18, baixo.
Hoxe inaugurouse un novo Centro de Dinamización da Sociedade da Información en Sanxenxo. Ao acto, que se celebrou ás 20 horas, acudiron Helena Veiguela Martínez, Directora Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, e Montserrat Prado Cores, Delegada da Consellería de Innovación e Industria en Pontevedra.
O Centro de Dinamización da Sociedade da Información de Sanxenxo está totalmente equipado para que o persoal dinamizador da Rede de Dinamización poda achegar á poboación as Novas Tecnoloxías. O novo centro acollerá diversos obradoiros de índole tecnolóxica variada, como poden ser de iniciación á Internet, á Informática ou a outras ferramentas.
O investimento realizado pola Consellaría de Innovación e Industria para este novo centro ascendeu a 227.144 euros. Compoñen o equipamento da aula 16 ordenadores con cámara web e lector de DNI electrónico, dúas impresoras (a cor e en branco e negro), un escáner, un canón e unha pantalla de proxección. Todos os computadores están conectados mediante wifi a unha liña de datos da máxima capacidade dispoñible no lugar.
O horario de funcionamento da aula será o seguinte:
Luns a xoves: de 10.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.30 horas.
Venres: de 9.30 a 15.00 horas.
Todas as persoas que desexen máis información poden solicitala no teléfono 986.690.010.
Cabe destacar que, antes da inauguración deste centro, a Rede xa estaba presente en Sanxenxo, onde ten realizado 48 obradoiros ao longo dun total de 394 horas, nos cales participaron máis de 402 usuarios/as.
A actividade da RedeA Rede de Dinamización da Sociedade da Información, posta en marcha en 2006, é unha iniciativa da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria, enmarcada dentro do PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información), como unha das estratexias fundamentais para o desenvolvemento das políticas de inclusión na S.I. e o desenvolvemento rural. A Rede de Dinamización da Sociedade da Información leva a cabo iniciativas relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos. A Rede de Dinamización conta con dinamizadores e dinamizadoras, espallados pola xeografía galega en diferentes entidades, que levan a cabo charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital e outros de moi variada temática, adaptándose ás diferentes necesidades dos colectivos sociais tales como mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.
Dende xaneiro de 2007, o número total de persoas que fan uso das instalacións da Rede ascende a 19.101. Neste período realizáronse 3.861 obradoiros -a principal actividade formativa da Rede-, nos que participaron 24.538 persoas.
Asemade, a Rede de Dinamización ofreceu 1.500 horas nun total de 60 cursos de formación específica en aplicacións de software libre orientada principalmente a PEMEs e microPEMEs.
Tamén se levaron a cabo outras actividades como: 329 iniciativas co motivo do Día das Letras Galegas e Día de Internet, 455 actividades de difusión (charlas e xornadas) sobre diferentes contidos e utilidades relacionadas coas Novas Tecnoloxías, que acolleron a 2.587 participantes.
Cabe así mesmo destacar que só dende comezos do ano 2008, o número de usos totais (asistencia a aula aberta, asistencia a obradoiros...) das instalacións da Rede suman un total de 144.156.
Todo isto foi levado a cabo nas 70 entidades coas que a Rede colabora ao longo de toda Galicia e que contan coa presencia dun dinamizador ou dinamizadora.
Voltar