Proxecto ER-INNOVA
O proxecto ER-INNOVA é unha iniciativa para o incremento da competitividade das pequenas e medianas empresas do sector das enerxías renovables, que se materializará nun programa piloto de implantación de ferramentas de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) en aproximadamente un cento de pemes.
Está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e desenvólvese ao amparo do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, no eixo de actuación correspondente ao fomento da competitividade e da promoción do emprego.
A área de actuación do proxecto é a Eurrexión Galicia-Norte de Portugal. O partenariado está formado por tres socios galegos e un portugués: Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), que actúa como xefe de fila; a Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET); a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través da súa Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDi); e Novas Empresas e Tecnologias, S.A.-Business and Innovation Centre do Porto (NET-BIC Porto).
A primeira fase do proxecto consiste en realizar o traballo de campo preciso para identificar as debilidades e catalogar as necesidades reais e específicas das empresas que compoñen o público obxectivo da acción. Tomando coma base os resultados, procederase ao deseño e desenvolvemento das ferramentas TIC, todas elas de código aberto.
En segundo lugar, traballarase en ferramentas online orientadas a fomentar a cooperación en I+D+i e a venda por internet. O resultado será unha plataforma web para a articulación de proxectos colaborativos na área da investigación, o desenvolvemento e a innovación e para impulsar as transaccións on-line entre os distintos axentes que operan no mercado das enerxías renovables, con especias incidencia na implantación da factura electrónica.